Dura Lex

duralexDura Lex é unha comedia satírica que interroga á xustiza desde un punto de vista teatral. E faino, como vén sendo a filosofía de Volta e Dálle, desde unha óptica crítica, pois que unha das funcións primixenias da arte teatral é a de facilitar ás espectadoras un cuestionamento da súa propia realidade.

É xa verdade vulgar que a xustiza non funciona, ou é lenta, ou beneficia aos poderosos. A vox populi non ten compaixón cos grandes e fermosos ideais democráticos consagrados nas constitucións: quen fai a lei fai a trampa, e máis quero ver a miña vaca morta que xustiza na porta, que disque a xustiza é cega, mais é só chosca dun ollo.

Por iso mesmo, Dura Lex xorde da constatación de que algo non cadra no funcionamento da Xustiza na nosa sociedade. A propia democracia ten no poder xudicial un dos seus piares fundamentais, pois por definición non se pode concibir a democracia sen os principios da igualdade perante a lei nin o da independencia do poder xudicial. Con todo, o día a día da vida pública parece desafiar estes alicerces da nosa convivencia en sociedade. Xuízos paralelos na prensa, tribunais aparentemente coaccionados por poderosos grupos de intereses, tratamento desigual das persoas conforme a súa extracción social, corruptelas e demandas de prevaricación no estamento xurídico, crispadas polémicas sobre os dereitos civís e as liberdades públicas, e unha longa ladaíña de fenómenos recorrentes na esfera da xustiza, semellan relar a raíz do ordenamento xurídico democrático.

Todos estes asuntos son abordados ao longo dun monólogo nada convencional, protagonizado por un xuíz expulsado da maxistratura que tras anos de reflexión e traballo vén presentar en público un invento revolucionario, a Dura Lex Pro 1.0., a máquina de facer xustiza.