Histórico

compañiaVolta e Dálle foi fundada a mediados do ano 2000 por Pepe Penabade González, actor profesional dese o ano 1987.

O principal obxectivo fundacional da compañía foi o de crear e distribuir espectáculos teatrais que tomasen como referente primordial a cultura galega no seu senso máis amplo, é dicir, entendendo como tal todas as manifestacións expresivas, artísticas, económicas ou políticas do pobo galego ao longo da súa historia.

Como punto de partida a compañía inicia naquel mesmo ano unha investigación arredor da figura dos afiadores, que se desenvolveu a través da recollida etnográfica de testemuños orais e materiais, complementada pola documentación a partir das obras de antropólogos da talla de Antón Fraguas ou Xaquín Lourenzo. O fin último deste proceso era o de montar un espectáculo teatral para un só actor, un monólogo protagonizado por un afiador. Curiosamente, un personaxe tan universal e con tanto apego popular nunca tiña sido levado ao teatro como personaxe protagonista. O espectáculo resultante deu en chamarse “Furga Garabela!“, primeira produción de Volta e Dálle.

A este espectáculo seguirían outros, na mesma liña de investigación etnográfica e tamén abrindo novas perspectivas de intervención teatral a partir da realidade social e política galega, como Rodesindo da Barrosa (2002), Salitre (2003), Jalisia mi madriña! (2004),  Peccata Minuta (2004), Pan (2007), Menciñeiros (2011), Buqueiras Novo (2011), ou a última peza estreada en 2014, Dura Lex.