Buqueiras Novo

buqueira“Buqueiras Novo, o menciñeiro” é un espectáculo de rúa, estreado en 2011, que aínda se mantén en cartaz, inspirado na figura dos menciñeiros cunqueiráns. Interpretado por Pepe Penabade, a personaxe é un excelente reclamo en todo tipo de eventos populares, como feiras medievais, festas patronais ou festivais de cultura.

Buqueiras Novo de Mondoñedo, é fillo de Buqueiras vello, que foi compoñedor  toda a vida. Compoñedor de osos non de musicas! Así é como se presenta o menciñeiro cando fala con alguén. Logo pregúntalle: como andas de saúde? Case todo o mundo anda desaxustado! Se precisas alguna cousa aquí está o Buqueiras para axudar.

Buqueiras Novo tira dun carromato polos camiños do país cargado de remedios naturais (loureiro, unto, allos macho,etc) exercendo a menciña tradicional. Entre outras cousas saca a sombra íspera aos tolos, e levanta a paletilla ‘de palabra’. Para isto tumba a/o doente no chan, descalzao/a comproba os polgares e  se e preciso vólvelle a calleira ao seu sitio con estas palabras:

“Paletilla, espinilla baixa (de … fulano/a de tal…)
Volve ao teu lugar…
conforme van os rios cara ao mar
como volven as pombas ao pombal…”

BuqueirascartazTamén comproba  o aire, e sabe se é do gordo ou do delgado, de home ou de muller, de morto ou de vivo. Para isto emprega unha peneira, un rosario e un dente de allo:

“Pineiriña de pineirar dime se (fulano/a de tal….)
ten o aire.
Se o ten de vivo damo de cara,
se o ten de morto, damo de espalda…”

Se é preciso limparao do mal de ollo con fume de loureiro. Tamén trata as verrugas, e ampara os estómagos caidos dándolle a beber aos doentes algunha  brebaxe que leva no carromato.

Nunca cobra polos seus remedios porque dí que a saúde ten que ser de balde. Se os turistas lle queren facer alguna foto, dilles: Iso é un vicio… e xa sabes como é o conto… os vicios hai que negocialos!