Menciñeiros

menciñeirosNa súa aposta por recuperar para o teatro o patrimonio cultural galego, a compañía Volta e Dálle detívose neste espectáculo, estreado en Mondoñedo en Novembro de 2011, nunha das figuras máis interesantes do imaxinario tradicional do noso país, a dos menciñeiros ou curandeiros.

Nesta ocasión, fíxoo a través da obra dun dos grandes das nosas letras, Álvaro Cunqueiro, de quen se celebraba o seu centenario en 2011. A súa “Escola de menciñeiros” ofrécenos unha aproximación plástica deste mundo, mercede á xenialidade da pluma e á forte inventiva do seu autor. Só Cunqueiro soubo retratar aos menciñeiros cunha viveza tal, que dificilmente podemos imaxinar en que momento o fabulador mindoniense se está cinguindo á descrición do personaxe real que coñeceu ou que lle foi contado na botica de seu pai, e cando a súa imaxinación empeza a voar.

OS MENCIÑEIROS NA CULTURA POPULAR GALEGA

Os curandeiros tiveron un grande predicamento entre as xentes de Galiza, sobre todo no mundo rural, onde o acceso universal aos servizos sanitarios non foi unha realidade até hai moi poucos anos. Nese contexto, o curandeiro ou menciñeiro constituía a opción terapéutica máis utilizada. Deostados polos defensores da medicina oficial, algúns médicos de indiscutíbel reputación científica como Domingo García Sabell, autor do prólogo de Escola de Menciñeiros, reivindicaron o seu papel como terapeutas integrais que non se limitaban a atallar os síntomas -como se lle pode achacar a algúns médicos convencionais- senón que trataban a un ser humano completo cuxa doenza podía ter causas externas ou psicolóxicas.
Do mesmo xeito que Cunqueiro quixo plasmar no papel as historias daqueles menciñeiros que operaban nas Terras de Miranda, Volta e Dálle levounas ás táboas.

A proposta de Volta e Dálle tiña un dobre obxectivo, o de preservar e dar a coñecer a cultura e os saberes dos curandeiros, e o de divulgar a obra dun dos autores máis salientabeis das nosas letras.

cartazmenciñeirosFICHA TÉCNICA
AUTOR ORIXINAL Álvaro Cunqueiro
ADAPTACIÓN E DIRECCIÓN Lucho Penabade
ELENCO Pepe Penabade, Mini e Mero
MÚSICA ORIXINAL Mini e Mero
ESPAZO SONORO Xacobo Castro
DESEÑO DE ILUMINACIÓN Xacobo Castro
VESTIARIO María Chenut
ESPAZO ESCÉNICO Pepe Penabade
DESEÑO GRÁFICO Xosé Vizoso e Pancho Lapeña
FOTOGRAFÍA Xan G. Muras
TÉCNICO Xacobo Castro
DIRECCIÓN Lucho Penabade e Comba Campoy
PRODUCIÓN Voltaedalle Teatro
DISTRIBUCIÓN Pepe Penabade
COMUNICACIÓN Ana Triñanes

Advertisements