Peccata Minuta

betanzospeccataEspectáculo de rúa concibido como animación para feiras medievais, “Peccata Minuta” ironiza sobre o pecado e a luxuria dos viandantes, sometidos por un bispo irrefreábel e un escuro monaguillo a todo un ritual de confesión, penitencia e arrepentimento. Treman as conciencias!

Protagonizado por Pepe Penabade e Comba Campoy, o espectáculo mantense en cartaz desde 2004, recreando, en clave satírica, o percorrido dun bispo da Idade Media polas rúas da vila cun confesionario móbil, buscando almas pecaminosas ás que confesar. Acompáñao no seu periplo o monaguillo Iscariote. A compañía participou con este espectáculo en mais de 20 feiras medievais.

Don Casto, bispo do reino de Galiza e o seu monaguillo Iscariote chegan á feira co seu confesionario andante, cantando a letanía, botando incenso e bendecindo todo canto hai na feira, para redimir os pecañentos. Pregoa don Casto: “A confesión e o arrepentimento son o único xeito de estar en paz con Deus, os pecados, queridos fillos, ou se perdoan todos ou non se perdoa ningún. Non caledes ningún pecado por moi minuta que sexa!”

Despois de “aparcar” o confesionario, Don Casto e Iscariote collen do público aos pecadores axeónllanos diante do confesionario e interróganos sobre a súa vida diaria chea de perversión e luxuria. Dependendo da gravidade dos pecados será ou non necesaria a flaxelación (case sempre é imprescindible). Mentras don Casto pregoa que para que haxa arrepentimento ten que haber dor.

Iscariote executa a flaxelación, e consumada esta, a confesión remata coa absolución. Emprenden camiño ao longo da feira vendendo reliquias e exvotos que levan no confesionario e adoutrinando aos fieles, vixiando o tamaño dos escotes, o vestiario, o longo dos cabelos etc,etc. A confesión repétese cada vez que teñen diante a un pecador ou pecadora.

FICHA TÉCNICA

TEXTO E DIRECCIÓN Lucho Penabade
REPARTO Comba Campoy e Pepe Penabade
ESCENOGRAFÍA E ATREZZO Taller Volta e Dálle

Advertisements